Unha vez dado o primeiro paso, crear un novo Festival, cumpría nesta segunda edición, dun xeito primordial, fortalecelo. Por iso, a chegada dun patrocinador do prestixio da Fundación Caixa Galicia, xunto co renovado apoio do Grupo Empresarial Copasa, constitúe un poderoso pulo á par que un ilusionante respaldo ao noso traballo. Con todo, xunto aos principais patrocinadores, pretendiamos ademais vincular o tecido empresarial da cidade. Así que as respectivas incorporacións de Esteo, firma de deseño e interiorismo; CYP, estudio de arquitectura de Fernando Copa; Editorial Linteo; e Grupo Cuevas converteron a idea en realidade. O meu agradecemento máis sincero a todos e cada un dos patrocinadores, e dun xeito especial á Concellería de Educación do Concello de Ourense pola súa confianza e entusiasmo depositados neste evento. O Festival ábrese cunha solista de excepción, a laureada trompetista inglesa Alison Balsom, que nos vai ofrecer o seu primeiro recital en España. Tras ela, será a quenda dunha das agrupacións camerísticas máis destacadas do Reino Unido, o quinteto de vento The Galliard Ensemble. Protagonista do terceiro concerto é a formación ruso-portuguesa Moscow Piano Quartet, cuxo viola Alexandre Delgado, excelente conferenciante, comentará as obras que nos van interpretar en Ourense. Na igrexa de Santa María Nai poderemos escoitar o estadounidense Robert Barto, considerado un dos mellores laudistas barrocos do momento. Por último, clausura de luxo na Catedral a cargo do grupo feminino francés Discantus, recoñecida e premiada formación vocal de elite no repertorio medieval. Antes de cada concerto oiremos unhas breves notas aos programas, de xeito introdutorio. Dúas conferencias sobre a historia da ópera a cargo do prestixioso profesor Roberto Relova, completan o programa. Que o gocen. Juan Enrique Miguéns Director do Festival |