CECILIA RODRIGO
Día 7 - LICEO DE OURENSE - 20:30 H.
BIOGRAFÍA

Filla única de Joaquín Rodrigo.

Dedicada á danza clásica desde a nenez, dirixiu ata 1987 unha escola de ballet en Bruxelas, cidade á que se trasladou a vivir despois de contraer matrimonio con Agustín León Ara, violinista de renome internacional e membro numerario da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.

En 1989 creou a editorial Ediciones Joaquín Rodrigo co fin de editar, salvagardar e difundir a obra de seu pai. Nos anos 1999 e 2006, recibiu o premio á mellor editorial de música clásica.

Cecilia Rodrigo presidiu a Asociación de Editores Españoles de Música Sinfónica entre os anos 1999 e 2002. Hoxe en día, é a presidenta da Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo, constituída no ano 2000. Entre os variados obxectivos da Fundación están ofrecer premios en numerosos concursos internacionais de interpretación e impulsar a investigación sobre Joaquín Rodrigo, facilitando o acceso á valiosa información contida no fondo informatizado do seu arquivo. Ao redor de tan importante legado, a Fundación desenvolve un extenso labor cultural que inclúe a montaxe de exposicións e a participación en actividades

dedicadas á obra de Joaquín Rodrigo e da súa esposa, tales como conferencias e publicacións, e ofrece un especial apoio á programación das obras musicais do insigne autor. Cómpre destacar o concerto organizado en abril de 2013 no Museo Sorolla de Madrid, en colaboración coa Fundación Sorolla.

Na actualidade, a Fundación encóntrase inmersa en difundir a imaxe de Joaquín Rodrigo entre a infancia e a mocidade. Mantivo convenios con universidades para fomentar a investigación entre o estudantado de musicoloxía e realiza numerosas intervencións en diversos centros de ensino para transmitir a vida e a música do mestre entre os cativos.

En 2006, a Fundación convocou o Concurso Internacional de Interpretación Joaquín Rodrigo. De periodicidade bianual, prolongouse ata 2008 nas modalidades de guitarra e canto, e violín e piano, en Madrid.

A Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo recibiu o premio Avon 2003 de Xapón, atribuído a unha institución sen ánimo de lucro polo seu especial apoio aos intérpretes novos.

.