MANUEL VILAS
Día 9 - MUSEO ARQUEOLÓXICO - 20:30 H.
BIOGRAFÍA
Ecos de dos orbes
A Arpa e a súa música en España e Latinoamérica (séculos XVI, XVII e XVIII)

Nace en Santiago de Compostela, onde inicia os estudos musicais. Estuda en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre español, La Galanía, Orquesta Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España, Los Músicos de Su Alteza e tamén como solista nos máis importantes festivais de Europa, USA e América latina. Colaborou en máis de 60 discos con diferentes grupos e discográficas e foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en USA e Cuba. Actualmente está centrado nun proxecto de recuperación de pezas vocais do Barroco español interpretadas co acompañamento da arpa de dúas ordes. Deste proxecto ata este momento saíron catro CD: un para a discográfica Naxos coas tonadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza; outro coa mezzo Marta Infante titulado Tonos al arpa para Enchiriadis; un terceiro coa soprano Estrella Estévez para Arsis e moi recentemente para a compañía La mà de guido os tons de José Marín co tenor Felix Rienth.

É o director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (século XVII), manuscrito que investiga desde hai máis de dez anos e cuxa gravación integral publica na discográfica Naxos en 6 CD. En 2008 funda o grupo Ars Atlantica, que se presenta no festival Via Stellae (Santiago de Compostela) coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia. A gravación destas cantatas, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music 2010. Hai pouco foi convidado para representar a España no VI Festival Mundial del Arpa en Asunción (Paraguay), feito que o converteu no primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.Entre os próximos proxectos están concertos nos festivais de Gante (Bélxica) e Ostrava (República Checa) con Marta Infante e a gravación do primeiro disco como solista coa primeira gravación completa en arpa de dúas ordes das 22 danzas do libro Luz y Norte de Ribayaz (Madrid 1677).

VÍDEO