
Bishara Haroni estudou piano na Hochschule für Musik und Theater de Hannover (Alemaña). Como solista tocou en numerosos países, colaborou con prestixiosas orquestras como a London Philharmonic e foi dirixido por grandes directores como Lorin Maazel, Zubin Metah e Daniel Barenboim. Entre 2010 e 2016 formou parte do mítico dúo de pianos AMAL, co pianista israelí Yaron Kohlberg, considerado por moitos como o mellor dúo de pianos do mundo. Con el ofreceu concertos en lugares tan importantes como o Metropolitan Museum of Art de Nova York, o Melbourne Arts Festival (Australia), o Beijing Concert Hall (China), o Musashino Center de Toquio ou o Goyang Center of the Arts (Corea).
Adi Haroni é violinista e actriz. Xuntar ambas as dúas facetas profesionais permitiulle tocar e actuar en varias obras de teatro musical en Alemaña, en lugares como a sala Schaubühne de Berlín e os teatros Vorpommern, Greifswald, Stralsund e Putbus. Como violinista formou parte da orquestra West
Eastern Divan baixo a dirección do mestre Daniel Barenboim e coa que percorreu as principais salas de concertos de toda Europa, Estados Unidos e América latina, entre outros espazos, o Carnegie Hall de Nova York, o Staatsoper de Berlín, o Royal Albert Hall de Londres e o Teatro Colón de Buenos Aires. Actuou tamén con outras orquestras e grupos de cámara: Tel-Aviv Soloist (Israel), Camerata Nordica (Suecia), Ensemble Horizonte Berlin (Alemaña), Orquestra Simfònica do Gran Teatre do Liceu de Barcelona, Orquestra Simfònica de Barcelona e Orquestra de Cambra Catalana.
Bishara e Adi forman este dúo tan especial que se embarcou nun proxecto que combina música e cine e no que poñen a súa peculiar banda sonora a grandes películas do cine mudo, como Sunrise (Amañecer) de Murnau ou The Kid (O rapaz) de Charles Chaplin.

