MERCEDES HERNÁNDEZ e FERNANDO REYES
Día 8 - MUSEO ARQUEOLÓXICO - 20:30 h
BIOGRAFÍA
Cantigas de trobadores galegos e portugueses (século XIII)

Mercedes nace en Santiago de Compostela. Estuda canto e especialízase en música antiga no Conservatorio de Toulouse (Francia), na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e na Schola Cantorum Basiliensis (Basilea-Suíza).

En 2002 debuta no Gran Teatre do Liceu de Barcelona co rol de Ninfa da ópera de Claudio Monteverdi L’Orfeo dirixida por Jordi Savall.

Colabora en concertos e gravacións con destacados grupos como La Capella Reial de Catalunya (Jordi Savall), Le Parlement de Musique (Martin Gester), Ensemble Elyma (Gabriel Garrido), The Harp Consort (Andrew Lawrence King) ou La Fenice (Jean Tubery), actuando en moitos dos principais auditorios e festivais de Europa e América.

Fernando inicia os seus estudos musicais como neno cantor no coro de nenos da Catedral de Santiago de Compostela. Especialízase nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña) con Rolf Lislevand.

Realiza unha intensa actividade de concertos e gravacións como solista e acompañante en toda Europa. Ademais compuxo e dirixiu a música de diversas obras teatrais e publicou diversos artigos, libros e guías sobre música antiga. Deu seminarios e conferencias en diferentes universidades e centros de ensino europeos.

Grava como solista Viaxe a Compostela, con músicas sobre diarios de peregrinos, e con Mercedes Hernández, Tonos de Amor, dedicado ás cancións para voz e guitarra do autor barroco José Marín.

En 1990 Mercedes e Fernando forman o grupo Resonet en Santiago de Compostela tomando o seu nome dunha peza do Códice Calixtino.

Resonet realizou numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios de toda Europa, e dedica grande atención á música relacionada con Galicia e co Camiño de Santiago.

Gravou La Grande Chanson: cancións dos peregrinos de Francia (século XVII); Santiago!: música e peregrinacións no Renacemento; Les Pellerines: a moda da peregrinación en Francia (século XVII); Il Pellegrino: a viaxe de Cosme III de Medici (1668); Canto de Nadal; Cantares Galegos-Rosalía de Castro; Canto de Ultreia: Codex Calixtinus-Cantos de peregrinos: músicas para as festas de Santiago (século XII); Festa Dies, músicas para a consagración da Catedral de Santiago (1211); e A Peregrina: cantos e romances nos camiños de Santiago.