Antonio Serrano
Día 11 - TEATRO PRINCIPAL - 19:00 h
BIOGRAFÍA

Antonio Serrano (Madrid, 1974) comeza a estudar música aos 7 anos con seu pai, quen lle ensina a tocar a harmónica. Posteriormente realiza estudos de piano, violín e percusión nos conservatorios de Alicante e Madrid, e perfecciona os estudos de harmónica con Larry Adler en Londres.

A súa trepidante traxectoria valeulle ser premiado en 2014 co Masters of Mediterranean Music en jazz flamenco, galardón outorgado polo Berklee Mediterranean Music Institute, e co Grammy Latino, en recoñecemento á súa participación na gravación do disco Entre 20 aguas: a la música de Paco de Lucía.

Traballou en diferentes contextos musicais que van desde a música clásica ao jazz, o flamenco, o tango e incluso o pop. No transcurso da súa carreira como solista, tocou coas orquestras sinfónicas de Bélxica, Colonia, Heidelberg, Kiel e Istambul, entre outras, tocando concertos orixinais para harmónica de H. Villalobos, M. Arnold e V. Williams e arranxos de obras de G. Enescu, G. Gershwin ou R. Korsakov.

Antonio foi durante 10 anos membro do grupo de Paco de Lucía con quen realizou oito xiras musicais. Como músico de jazz, tocou con Toots Thielemans, Winton Marsalis, Jerry González, Chano Domínguez, Lou Bennet, Jorge Pardo, Vicente Amigo, Perico Sambeat e Javier Colina, entre outros

Co paso dos anos, o pianista Albert Sanz (Valencia, 1978) converteuse nun dos referentes máis sólidos do jazz no noso país. Realizou xiras con Kurt Rosenwinkel, Chris Cheek, Mark Turner, Guillermo Klein ou René Marie, e é colaborador habitual de Javier Colina, Silvia Pérez Cruz, Jorge Rossy ou Perico Sambeat.

Unha clara mostra do seu xenio precoz vese nos discos que editou durante estes anos, desde o aclamado Des D’aquí (disco español do ano 1999 pola revista Cuadernos de Jazz), pasando por El fabulador (2004), considerado pola revista Cuadernos de Jazz como un dos mellores dez discos do jazz español da década pasada; seguido por Los Guys con Chris Cheek, Larry Grenadier e Jeff Ballard, ou Metamorfosis con Masa Kamaguchi ao contrabaixo e R.J. Miller á batería.