CARLOS NÚÑEZ
Día 2 - CATEDRAL DE OURENSE - 21:00 h

ENTRADA CON INVITACIÓN.

Poderanse recoller un máximo de 2 invitacións por persoa na Oficina Municipal de Turismo,

situada na rúa Isabel A Católica 2, o mesmo día do concerto, a partir das 9 da mañá.

BIOGRAFÍA

Carlos Núñez é coñecido como unha das grandes figuras internacionais da música celta. O éxito da súa carreira –con máis dun millón de discos vendidos– foi tan extraordinario para un instrumentista que seguramente eclipsou a súa formación académica como frautista de pico. Con todo, a súa visión das músicas celtas como músicas históricas fixo relativamente frecuentes os seus concertos e gravacións con grandes da música antiga, así como os concertos sinfónicos en “templos” da música clásica como o Musikverein de Viena ou o Boston Symphony Hall.

Fai un par de anos Carlos Núñez dirixiu un concerto moi especial na catedral de Santiago de Compostela en que fixo soar, xuntos por primeira vez, todos os instrumentos representados no Pórtico da Gloria, esculpidos polo Mestre Mateo no século XII. Recentemente, repetiu esta experiencia incorporando nada menos que a Jordi Savall e o seu Hespèrion XXI, que son algo así como un who’s who da música antiga desde hai máis de catro décadas, e que tocaron por primeira vez esas réplicas de instrumentos medievais galegos.

Entremedias, Carlos Núñez visitou, na terra da súa familia paterna, o obradoiro da Deputación, dirixido por Manuel Brañas, para coñecer as réplicas alí realizadas hai décadas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso. Decatouse de que, aínda que se adoita dicir que este é unha versión do de Santiago de Compostela, os instrumentos pouco teñen que ver; algúns son moito máis parecidos a exemplos da iconografía musical europea que á compostelá e outros son orixinalísimos, quizais con características únicas ourensás. E o pasado verán, en tres concertos dedicados ao repertorio medieval en mosteiros emblemáticos da provincia de Ourense, animouse a poñer de novo en uso algúns deles e tocalos.

Así como dos de Santiago de Compostela xa hai varias xeracións e fóronse perfeccionando ao longo dos anos, dos de Ourense só existe esa primeira xeración, polo que o mestre luthier Christian Rault –que no seu día estivo detrás tanto do proxecto inicial de Santiago de Compostela como do de Ourense– foi convidado a facer un curso que dea como resultado novas réplicas perfeccionadas dalgúns deles, que serán tocados neste concerto de inauguración e quedarán a disposición de músicos que queiran usalos no futuro.

Carlos Núñez puido constatar a profunda conexión destes instrumentos medievais coa tradición, que se converteu na clave para volver darlles vida para especialistas de todo o mundo. Galicia é un lugar privilexiado posto que en gran medida toda esta música medieval seguiu a vivir na tradición oral, empezando pola propia gaita, e o noso gaiteiro máis universal está empeñado en que recupere a centralidade que tivo na Idade Media, en que media Europa peregrinou aquí traendo e levando músicas e, como ben se sabe, ata o Rei Sabio –educado en Maceda e Allariz– compuxo en galego as súas cancións ou cantigas.