Marco Beasley
Día 9 - IGREXA DE SANTO DOMINGO - 21:00 h
BIOGRAFÍA

Na personalidade de Marco Beasley conflúen a bondade e a sinxeleza da súa alma napolitana, a alegría de vivir e de facer música e o desexo de comunicarse co mundo da poesía e da literatura.

En Marco Beasley conviven calidades moi diversas: a pureza clara e inconfundible do timbre, unha técnica moi particular –froito do estudo e da investigación histórica– o gusto pola palabra, sexa culta ou vulgar, a predisposición natural a comunicarse co público e a expresividade. Todo isto tradúcese nunha variedade de tons e rexistros, nun enfoque musical que conmove e no que a alegría e a irreverencia burlesca se alternan coa alegría e a soidade, nun diálogo íntimo e cheo de emocións.

Do canto gregoriano á polifonía, das frottolas renacentistas aos motetes, de “recitar cantando” ás grandes cancións napolitanas, Marco case reinventa todos eses xéneros en clave moderna. A voz, a expresividade, a sensibilidade e a inspiración fan de cada unha das súas interpretacións unha novidade, feito que lle permite abranguer unha enorme gama de xéneros musicais.

Marco Beasley naceu en Nápoles, en 1957. Durante os seus estudos musicais na Universidade de Boloña, mentres afondaba nos coñecementos das dúas correntes estilísticas de finais do Renacemento, o “recitar cantando” e a polifonía sacra e profana, comeza unha intensa actividade concertística que decontado lle abre as portas das salas de máis sona do mundo, desde o Mozarteum de Salzburgo ao Concertgebouw de Amsterdam, pasando pola Accademia di Santa Cecilia de Roma ou o Lincoln Center de Nova York, por citar algunhas.

O seu traballo de investigación sobre a voz e sobre a comprensión do texto cantado mereceron un gran recoñecemento por parte da crítica e un apoio cada vez maior do público.

Escritor, cantante e actor, despois de trinta anos de actividade con Accordone –grupo que fundou en 1984– en 2014 decide seguir adiante en solitario para, deste xeito, tomar un rumbo aínda máis persoal e autónomo e desenvolver novos proxectos.