Vida Guitar Quartet
Día 4 - LICEO DE OURENSE - 20:30 h
BIOGRAFÍA

VIDA Guitar Quartet é o resultado da unión de catro guitarristas excepcionais que decidiron apostar pola música de cámara, a súa gran paixón. Está formado por Mark Ashford e Amanda Cook, cada un deles cunha sólida e recoñecida carreira internacional como solistas, e por Mark Eden e Christopher Stell, que foron durante anos o famoso Eden-Stell Guitar Duo, un dos mellores dúos de guitarra do mundo.

Desde 2007, ano en que comezaron a funcionar como cuarteto, tocaron nas mellores salas de Reino Unido incluíndo King’s Place e Purcell Room (Londres), The Sage (Gateshead) e St Georgeʼs (Bristol). Convertéronse nun grupo moi solicitado polos grandes festivais de Europa e tamén dos Estados Unidos.

En 2011 VIDA Guitar Quartet debutou en Los Angeles e Nova York, ademais de ser artistas residentes en varias universidades de California, onde regresaron en marzo de 2012. Desde aquela, o grupo formou parte das programacións dos festivais de guitarra de máis sona dos Estados Unidos, como o Long Island Guitar Festival e o Allegro Guitar Series de Dallas, Fort Worth e Las Vegas.

En 2015 foron premiados na Asamblea Anual da GFA (Guitar Federation of America) e en 2017 debutaron en China como parte do Festival Internacional de Guitarra de Changsha.

En abril de 2013, tras o seu enxalzado primeiro CD Love, the Magician, VIDA Guitar Quartet editou Rhapsody, con música de George Gershwin, Malcolm Arnold e Adam Gorb. A este seguiu The Leaves be Green, que inclúe obras de compositores ingleses como Benjamin Britten, Vaughan Williams e Edward Elgar. En outono de 2017, editaron Bachianas, froito da súa colaboración coa saxofonista Amy Green. Neste CD hai obras de Mendelssohn, Villa Lobos, Bach e dúas obras novas escritas para o cuarteto por Howard Skempton e Laura Snowdon.

VIDA Guitar Quartet conta co apoio de cordas D’Addario.