Wolodymyr Smishkewych
Día 6 - MUSEO ARQUEOLÓXICO - 20:30 h
BIOGRAFÍA

O tenor Wolodymyr “Vlad” Smishkewych, nacido en Estados Unidos de nai galega e pai ucraíno, foi compoñente dos galardoados grupos de música antiga Sequentia e Theatre of Voices desde o 2000, e foi solista con The Harp Consort, Ars Nova Copenhagen e Ensemble Dialogos. Con todos eles gravou discos para distintas casas discográficas, como Sony/BMG, Harmonia Mundi-USA, Naxos, Norton e Focus Records.

Obtivo o título de doutor de música en canto da distinguida Indiana University (EE. UU.) e, como docente dedicado á pedagoxía vocal e á execución da música antiga, dirixiu cursos e deu clases maxistrais en varias universidades dos Estados Unidos, América do Sur, Canadá e Europa.

Como produtor de medios audiovisuais, e apaixonado pola música, a cultura e a historia, veu a España como bolseiro da Fulbright Commission a principios do milenio. En 2011 trasladouse a Irlanda para ser director do mestrado en canto ritual e gregoriano da University of Limerick, onde ensinou ata o 2014.

Regresou ao mundo creativo de concertos e produción audiovisual e, en 2015, chegou a ser produtor e presentador para a radio da Rede Europea de Música Antiga (REMA). En Irlanda, coñéceselle como “a voz da música antiga” por ser o creador, investigador e locutor de Vox Nostra, o programa que se emite unha vez por semana na RTÉ Lyric FM, a radio nacional irlandesa.

O seu labor como autor e investigador continúa e, para este ano 2018, ten como proxecto publicar un libro como coeditor, titulado Medieval Song in Modern Performance (A canción medieval na súa execución moderna).

Wolodymyr Smishkewych recoñece e agradece o apoio continuo ao seu traballo por parte da Music Network – Music Capital Scheme, subvencionada polo Department of Arts, Heritage and The Gaeltacht (Arts Council Ireland).