HARONI DUO
Día 5- TEATRO PRINCIPAL - 19:00 h
BIOGRAFÍA
Extractos de obras de Saint-Saëns, Prokófiev, Khachaturian, Elgar, Chopin e improvisacións servirán de banda sonora ao filme de Charles Chaplin The Kid (O rapaz)

Bishara Haroni estudou piano na Hochschule für Musik und Theater de Hannover (Alemaña). Como solista tocou en numerosos países, colaborou con prestixiosas orquestras como a London Philharmonic e foi dirixido por grandes directores como Lorin Maazel, Zubin Metah e Daniel Barenboim. Entre 2010 e 2016 formou parte do mítico dúo de pianos AMAL, co pianista israelí Yaron Kohlberg, considerado por moitos como o mellor dúo de pianos do mundo. Con el ofreceu concertos en lugares tan importantes como o Metropolitan Museum of Art de Nova York, o Melbourne Arts Festival (Australia), o Beijing Concert Hall (China), o Musashino Center de Toquio ou o Goyang Center of the Arts (Corea).

Adi Haroni é violinista e actriz. Xuntar ambas as dúas facetas profesionais permitiulle tocar e actuar en varias obras de teatro musical en Alemaña, en lugares como a sala Schaubühne de Berlín e os teatros Vorpommern, Greifswald, Stralsund e Putbus. Como violinista formou parte da orquestra West

Eastern Divan baixo a dirección do mestre Daniel Barenboim e coa que percorreu as principais salas de concertos de toda Europa, Estados Unidos e América latina, entre outros espazos, o Carnegie Hall de Nova York, o Staatsoper de Berlín, o Royal Albert Hall de Londres e o Teatro Colón de Buenos Aires. Actuou tamén con outras orquestras e grupos de cámara: Tel-Aviv Soloist (Israel), Camerata Nordica (Suecia), Ensemble Horizonte Berlin (Alemaña), Orquestra Simfònica do Gran Teatre do Liceu de Barcelona, Orquestra Simfònica de Barcelona e Orquestra de Cambra Catalana.

Bishara e Adi forman este dúo tan especial que se embarcou nun proxecto que combina música e cine e no que poñen a súa peculiar banda sonora a grandes películas do cine mudo, como Sunrise (Amañecer) de Murnau ou The Kid (O rapaz)  de Charles Chaplin.