THE ORLANDO CONSORT E KULJIT BHAMRA, JONATHAN MAYER, SHAHID KHAN
Día 12 - SANTIAGO DAS CALDAS - 20:30 h
BIOGRAFÍA
Mantra: Un diálogo musical no océano Índico

Formado no Early Music Centre de Gran Bretaña en 1988, The Orlando Consort é actualmente un dos conxuntos vocais máis importantes de Europa. O seu traballo combina á perfección a seriedade e rigorosidade dos programas coa frescura das interpretacións, que cativan o público inmediatamente. As imaxinativas e orixinais propostas unidas á mestría vocal fixeron que sexan unha referencia mundial neste campo.

A impresionante discografía para as casas discográficas Saydisc, Metronome, Linn, Deutsche Grammophon e Armonía Mundi USA inclúe unha colección de obras de John Dunstaple e o CD The Call of the Phoenix, que foron considerados pola revista Gramophone CD do ano en 1996 e 2003, respectivamente. As gravacións de música de Compère, Machaut, Ockeghem, Josquin, Popes and Anti-Popes, Saracen and Dove e Passion tamén estiveron entre as candidatas a gañalo no pasado. O CD do ano 2008 Messe de Notre Dame de Machaut e o titulado Scattered Rhymes do compositor británico Tarik O’Regan co Estonian Philharmonic Chamber Choir, foi tamén candidato aos premios BBC Music Magazine. Ultimamente están involucrados nun gran proxecto: gravar todas as cancións polifónicas de Guillaume de Machaut para Hyperion Records. O primeiro CD desta serie foi incluído polo New York Times na relación dos Top 10 da música clásica de 2013.

The Orlando Consort cantou en grandes festivais e en numerosos países de Europa, América e Asia. Foron artistas residentes en distintas universidades e deron cursos e master class en conservatorios de todo o mundo. Das recentes actuacións, destacan o regreso ao Carnegie Hall de Nova York e o concerto en Singapur xunto ao impresionante intérprete de tabla Kuljit Bhamra, con quen gravaron Mantra, un CD que explora a conexión histórica entre Portugal e Goa (India) e, por extensión, entre Oriente e Occidente.

O programa Voices Appeared, que combina cine e música medieval, está supoñendo un fito na súa carreira. Nel poñen banda sonora á obra mestra de Theodor Dreyer A paixón de Xoana de Arco, de 1928. En 2016 fixérono no FEMÁS, Festival de Música Antigua de Sevilla.

KULJIT BHAMRA, tabla

Kuljit é un dos músicos máis inspiradores e influentes do panorama musical asiático nas Illas Británicas. É pioneiro na difusión e expansión do fenómeno Bhangra, fusionando ritmos tradicionais da India con instrumentos e tecnoloxía occidental, co que transformou a música da rexión do Punjab (India-Paquistán) en música bailable en todo o mundo. Desde os 18 anos compuxo e produciu unhas dúas mil cancións e converteu en estrelas a numerosos actores e actrices de Bollywood.

JONATHAN MAYER, sitar

Fillo do mítico compositor e creador do indo-jazz John Mayer, Jonathan empezou a estudar co seu pai e con 16 anos encontrou o instrumento ao que dedicaría a súa vida: o sitar. Estudou composición e sitar no Conservatorio de Birmingham e ao longo da súa carreira tocou con numerosos artistas, grupos e orquestras, como The Bingham String Quartet, John Wilson, Bombay Dub Orchestra, Sarah Brightman, I Musici Fiamminghi Orchestra, Dave Stewart ou sir Paul McCartney.

SAHID KHAN, voz

Shahid procede dunha familia de músicos e cantantes de Paquistán establecida en Londres, cidade en que naceu e vive. Empezou a cantar con 3 anos e desde os 16 estuda con Hussain Baksh. Desde que gañou en 2002 o concurso Asian Starsearch colaborou en numerosos proxectos: Bhangra Latina, no Queen Elizabeth Hall; From Hollywood to Bollywood, coa BBC Concert Orchestra; Mantra, con The Orlando Consort; o programa The Goldie Band para a BBC e o musical Bend It Like Beckham no Phoenix Theatre de Londres, con cinco nominacións aos Olivier Awards e premio da crítica e da revista Time Out ao mellor musical de 2015.

KULJIT-BHAMRA,-JONATHAN-MAYER,-SHAHID-KHAN