APOLLO5
Venres día 22 - IGREXA DE SANTIAGO DAS CALDAS - 20:30 h
BIOGRAFÍA

O quinteto vocal inglés a capela Apollo5 leva anos abraiando o público con versátiles actuacións e programas. O seu repertorio inclúe música coral do Renacemento, clásica, contemporánea, folk, jazz e pop.

Aínda que residen en Londres, onde son habituais en salas como o Royal Albert Hall, Kings Place, Barbican Center, The Houses of Parliament ou o Wembley Arena, a súa carreira internacional está en proxección permanente nos últimos anos, con actuacións en Italia, Alemaña, Holanda ou Francia. En 2016 fixeron o debut en Asia, participando no Festival Internacional de Coros de Taipei (China) e, fai dous anos, estiveron un mes de xira polos Estados Unidos. Entre as citas máis recentes, destacan os concertos no Via Aeterna Music Festival (Francia), La Folle Journée (Polonia) e a colaboración con The Academy of Ancient Music.

 

Apollo5 forma parte da Fundación VCM, creadora dun programa de educación musical que axuda a máis de 40.000 rapaces e rapazas ao ano en Reino Unido, Alemaña, Francia, Suecia, Estados Unidos e Asia. Parte deste programa desenvolvérono conxuntamente con outro grupo vocal británico, VOCES8.

Apollo5 imparte cursos, clases maxistrais e realiza concertos para a cativada de forma habitual en Londres, concretamente no Gresham Centre. Ademais, leva catro anos supervisando un extenso proxecto de divulgación coñecido como The Open Mind Programme, que recibe o apoio da Arts Council England, entre outras institucións.

Apollo5 editou as súas gravacións con VCM Records, entre elas o CD The Spirit Like a Dove, con obras de Josquin des Prez e gravado conxuntamente co grupo Ingenium Ensemble, de Eslovenia. Este CD foi número 4 nas listaxes de música clásica de Reino Unido. Outro dos CD, titulado Journey, para a discográfica Edition Peters Sounds, contou coa colaboración dun dos cantantes do mundialmente recoñecido grupo vocal The King’s Singers, Paul Phoenix. O seu CD With a Song in my Heart recolle temas de xéneros tan diferentes como o folk, o jazz e o pop. Hai pouco tempo, empezaron a publicar arranxos coa editorial Edition Peters.