LA REVERDIE
Sábado día 23 - IGREXA DE SANTA MARÍA DE AUGAS SANTAS (ALLARIZ) - 19:30 h
BIOGRAFÍA

En 1986 dúas parellas de mozas irmás italianas fundaron o grupo medieval laReverdie, nome relacionado co xénero poético que celebra o regreso da primavera e que, en certo modo, transmite a esencia principal dun ensemble que leva trinta anos cativando a público e crítica por igual, con variadas propostas de programas e amplo repertorio de música medieval e do primeiro Renacemento.

O estudo profundo das obras e a súa experiencia xuntas durante todos estes anos de intensa actividade converteron laReverdie nun conxunto único, tanto polo extraordinario entusiasmo que comparten e comunican ao público como polo virtuosismo natural como cantantes e intérpretes instrumentais.

laReverdie ofreceu concertos por toda Europa e América e as súas gravacións foron emitidas por emisoras de ambos os dous continentes. O grupo ten máis de vinte CD, 16 deles para a casa discográfica Arcana e coproducidos pola compañía alemá WDR, que recibiron varios premios da crítica europea, como o Diapason d’Or de 1993 que supuxo o pulo definitivo da súa carreira.

As súas últimas gravacións foron candidatas ao mellor CD do ano nos International Classical Music Awards de 2010, 2014 e 2019 na categoría de música antiga. O seu último CD, monográfico do compositor Francesco Landini, será editado en Xuño de 2019 e conta coa participación de Christophe Deslignes ao organetto.

Desde 1997 as compoñentes de laReverdie deron cursos e clases maxistrais en foros tan prestixiosos como o Curso Internacional de Música Antiga de Urbino en Italia ou o Festival Trigonale en Austria. Son habituais as súas clases e colaboracións en conservatorios e escolas de música, como a Civica Scuola di Musica Claudio Abbado en Milán ou a Staatliche Hochschule für Music en Trossingen (Alemaña).

laReverdie colaborou en proxectos especiais de institucións, músicos e artistas do talle de Franco Battiato, Moni Ovadia, Carlos Núñez, Teatro del Vento, Gerard Depardieu, Mimmo Cuticchio e David Riondino.