LOS MÚSICOS DE URUEÑA
Sábado día 16 - IGREXA DO MOSTEIRO DE SAN CLODIO (LEIRO) - 19:30 h
BIOGRAFÍA

Con máis de catro décadas de traballo en diversas formacións e cunha profunda experiencia no campo da música medieval e tradicional, César Carazo e Luis Delgado fundan en 1998 Los Músicos de Urueña, grupo que pertence aos máis veteranos no panorama da música medieval de España. Desde os inicios, o seu propósito foi levar adiante un traballo creativo, pero rigoroso, sobre os repertorios medievais da Península Ibérica. Para iso, conta coa proximidade cultural e xeográfica do Magreb e da Occitania medieval. O grupo presenta diferentes programas realizados con instrumentos orixinais correspondentes a cada época, prestando unha especial atención á tímbrica e á interpretación.

O nome de Urueña cóllese da vila murada vallisoletana que é sede do Museo de Instrumentos del Mundo, onde expoñen ao público parte dos fondos da colección de instrumentos de Luis Delgado. Esta colección reúne máis de 1.500 pezas.

As transcricións que se utilizan parten do traballo dos musicólogos especializados no tema: Higinio Anglés, Arcadio Larrea Palacín, Ismael Fernández de la Cuesta, Luis Lozano Virumbrales e Julián Ribera Tarrago, entre outros. As formacións do grupo adáptanse aos programas e propósitos de cada concerto.

El vino en las Tres Culturas

O tema do viño aparece como elemento común na lírica das tres culturas, tanto nas cortes cristiás medievais, como nas cancións dos trobadores, na poesía de Al-Ándalus ou nos romances sefardís.

Los Músicos de Urueña escolleron unha ducia de cancións que nos aproximan ao concepto que desenvolveron ao redor do viño en cada unha das tres culturas.

Achegámonos ao significado sagrado que ten no cristianismo, que contrasta co carácter metafórico e místico que lle dá o mundo islámico e co sentido hedonista que lle outorga o mundo sefardí.