ODHECATON
Venres día 15 - CATEDRAL DE OURENSE - 21:00 h
BIOGRAFÍA

Odhecaton debe o seu nome ao primeiro libro de polifonía impreso en 1501 por Ottaviano Petrucci en Venecia, Harmonice Musices Odhecaton. A palabra deriva do grego odè (‘canción’) e ècaton (‘cen’), pois o libro era unha recompilación de 100 cancións.

Dirixido por Paolo Da Col desde a súa fundación en 1998, o grupo vocal masculino Odhecaton reúne algunhas das mellores voces de Italia e converteuse en todo un referente na música vocal e na interpretación do repertorio do Renacemento e do Barroco, sobre todo do repertorio de compositores como Jacob Obrecht, Josquin Desprez e Loyset Compère. Nos programas máis recentes incluíronse tamén obras de varios compositores contemporáneos.

As súas gravacións foron recoñecidas con distintos galardóns, como o Diapasón d’or, o Choc de la musique, o Disco del mese, o CD of the year, concedidos por distintas publicacións internacionais como Le Monde de la Musique, Amadeus, CD Classics e Goldberg. En varias destas gravacións, recolléronse obras de Roland de Lassus, Gombert, Palestrina, Josquin Desprez, Peñalosa ou Compère, pero tamén axudaron a recuperar parte do repertorio español e portugués do século XVII.

Os seus CD, premios e nivel de especialización leváronos a participar nos grandes festivais europeos e a colaborar con algúns dos mellores músicos e grupos instrumentais como Concerto Palatino, Gabriele Cassone, Liuwe Tamminga, Paolo Pandolfo, Jakob Lindberg ou Andrea De Carlo co Ensemble Mare Nostrum.