A celebración
do cincuenta aniversario do Conservatorio de Ourense a pasada
primavera, que tiven o pracer de coordinar, ofreceunos unha
cálida e ilusionante resposta do público que
alimentou un novo reto: a creación dun festival de
música clásica.
A idea tomou forma e medrou no transcorrer do verán,
e finalmente materializouse neste programa que vostede ten
ante si.
Non resultou doado. Apostar por un festival que nace con
vocación de continuidade, nunha parcela cultural
tan específica, esixía das institucións
públicas e privadas unha visión innovadora
e creativa, e depositar a súa confianza nun proxecto
construído en Ourense e para Ourense. Felizmente,
o Concello, a través da Concellería de Educación,
tan sensibilizada coa formación artística
da cidadanía, mostrou unha vontade firme e inequívoca
non só de apoialo, senón tamén de asumilo
como seu no papel de organizador.
Ao sostén do Concello de Ourense, engadiuse o importante
apoio dun prestixioso grupo empresarial ourensán,
S.A. de Obras y Servicios, COPASA, que demostrou a súa
sensibilidade sustentando a iniciativa dende o primeiro
momento. O meu máis profundo agradecemento a ambas
as dúas entidades. |
|
O primeiro
concerto, que debía de celebrarse obviamente na Catedral,
tráenos o exquisito cuarteto vocal inglés
The Orlando Consort, cunha carreira e unha reputación
mundialmente recoñecidas, abordando un programa inédito
en España. O grupo galego Resonet, formación
consolidada de ascendente traxectoria, fai un orixinal percorrido
polas músicas do Camiño de Santiago. A nova
e destacada pianista inglesa Nicola Eimer preséntanos
un suxestivo programa con obras de Mozart e dos grandes
compositores románticos. E para rematar, a inspirada
proposta dos espectaculares guitarristas húngaros
Katona Twins, considerados na actualidade un dos mellores
dúos de guitarra clásica. Antes de cada concerto
oiremos unhas breves notas aos programas a modo de introdución.
Dúas conferencias sobre temas
musicais a cargo do prestixioso compositor portugués
Alexandre Delgado e do brillante musicólogo ourensán
Manuel Rey completan a programación.
Atrás quedan meses de ilusión,
de traballo. Seguro que o esforzo paga a pena.
Juan Enrique Miguéns
Director do Festival
|