Fieis á nosa vocación de facer de Ourense unha cidade referente no eido da cultura, o Concello de Ourense organiza unha nova edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso. Son xa cinco anos dende que iniciamos este proxecto, que pretende reivindicar a tradición cultural da nosa cidade, e achegar aos nosos veciños unha extraordinaria oferta do máis alto nivel.

O traballo realizado ata agora permítenos dispoñer dun certame que en tan só catro anos xa gañou o apoio do público, o respecto da crítica e o recoñecemento dos profesionais do sector. Que cada ano medra, grazas á implicación do público, á ilusión e bo facer do equipo organizador, e á inestimable colaboración de numerosas entidades colaboradoras, públicas e privadas. A elas quero agradecer a súa aposta porque, aínda en tempos difíciles dende o punto de vista económico, fan o seu esforzo para que Ourense forme parte do circuíto de festivais de música de primeiro nivel.

Hai apenas uns días coñeciamos que a Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona vén de incluír a Ourense entre os nove festivais españois que formarán parte do Estudo Europeo de Festivais de Música. Un recoñecemento a este certame, que nos anima a seguir traballando con renovada ilusión. A edición de 2012 volve depararnos unha oferta de gran calidade musical, e moitas novidades. Salientarei dúas: por primeira vez, un barrio da nosa cidade, A Ponte, acollerá a clausura, coa actuación do prestixioso The Orlando Consort na igrexa das Caldas. Tamén, por primeira vez, participará este ano un músico nacido na nosa cidade, o extraordinario violinista José Manuel Álvarez.

Todo isto, mantendo a vocación didáctica dun festival en que cada recital vai precedido dunha introdución na que expertos describirán e contextualizarán as calidades artísticas das composicións que imos escoitar, para favorecer así o pleno goce das obras por parte de todos.

É o noso reto, que afrontamos co desexo de que esta quinta edición de Pórtico do Paraíso, entre o dous e o once de marzo, responda ás expectativas e permita aos nosos veciños gozar dun festival de primeira na súa propia cidade.

Francisco Rodríguez, Alcalde de Ourense

© 2012 Pórtico do Paraíso - Todos os dereitos reservados - Acceso privado
diseño y programacion: ACV Galaica