Contacto

Presentar esta V edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso significa dar un importante paso na súa consolidación, ademais de ser unha boa nova para Ourense.
E, para min, é unha honra seguir a traballar na mellora da calidade de vida da cidadanía, á que indubidablemente contribúe a música, peza fundamental na construción da sensibilidade cultural. A música é emoción e o sentimento que nos transmite axúdanos a ser, sen dúbida, máis felices e mellores cidadáns.
Tamén emociona que, aínda que modesto, o Pórtico do Paraíso non renuncia a ser ambicioso. Ambicioso tanto na calidade musical coma na calidade dos espazos da cidade nos que se realiza. Unimos así dúas paixóns ourensás: a música e o patrimonio arquitectónico. Daquela, gocen vostedes de ambos os dous.
Con todo, somos conscientes de que hoxe, máis que nunca, nada se pode facer sen a complicidade dunha cidadanía activa, sen o talento das persoas que conviven e comparten o espazo humano, sen a forza das ideas de seu e, sobre todo, sen a paixón e o compromiso pola nosa cidade. Grazas a todas esas persoas, representadas polos patrocinadores, xa que a elas debemos en definitiva o noso Pórtico do Paraíso.
Quero agradecerlle a cada un dos patrocinadores o esforzo e entusiasmo que depositan neste proxecto, especialmente á Asociación Pórtico Musical.
Dou, tamén, as grazas a Alexandre Delgado, o noso entusiasta, incansable e sabio presentador polo seu compromiso co Pórtico do Paraíso dende a primeira edición. A súa contribución fixo que, actualmente na nosa cidade, case todas as manifestacións musicais teñan esa explicación didáctica accesible para todos. Isto tamén é unha boa nova para Ourense.
Desexo que Ourense respire música do 2 ao 11 de marzo de 2012 e que todos vostedes gocen dela.
Ana Garrido, Concelleira de Educación


Presentación 