Contacto
O Festival afronta a quinta edición nun momento en que a crise económica se fai máis evidente. Quizás por isto, aínda ten máis sentido ofrecer ao público a oportunidade de gozar de concertos de enorme nivel que, dalgún xeito, contribúen a soportar esta atmosfera de incerteza que nos invade.
Esta edición arranca como xa é costume na Catedral, co prestixiosísimo grupo belga Capilla Flamenca ofrecéndonos un orixinal e atractivo programa articulado en tres partes. Este amósanos unha viaxe da polifonía franco-flamenga renacentista primeiro a España, como consecuencia do traslado da corte de Carlos V, e logo a México a través dos primeiros misioneiros chegados ao novo continente.
No segundo concerto, o brillante violinista ourensán José Manuel Álvarez aborda no Principal, xunto ao pianista Andreu Riera, un programa con catro sonatas que nos transportan a outros tantos períodos musicais de forma cronolóxica.
Do veciño Portugal chégannos os magníficos intérpretes do terceiro concerto, que se celebra en Santa Eufemia, a soprano Raquel Alão e o organista Daniel Oliveira. A través da música do reinado de João V, mergúllannos nunha época moi fecunda para as artes da man de autores portugueses e italianos dese período.
De novo no Principal, recibimos a un dos grandes pianistas da súa xeración, o ruso Alexander Melnikov, cun programa de grandes autores universais, entre eles os compatriotas Scriabin e Shostakóvich.
E para rematar, unha formación especialmente querida no Festival por ser a que o inaugurou na Catedral en febreiro do ano 2008: The Orlando Consort. Cun recoñecemento mundial incuestionable, este exquisito cuarteto vocal presenta en Santiago das Caldas un insólito programa que combina músicas medievais con obras de autores vivos inspiradas nelas.
Como xa é costume, ademais teremos no Conservatorio encontros para estudantes con algúns dos artistas, así como unha interesante conferencia aberta ao público sobre Franz Liszt, a cargo de Julián Carrillo.
Non me queda máis que expresar a miña gratitude ao Concello de Ourense e a todos os patrocinadores, este ano en especial á Xunta de Galicia a través de AGADIC, polo seu firme propósito de apoiar e consolidar un Festival ao que sen dúbida moitos ven como un dos referentes culturais da cidade.
Juan Enrique Miguéns, director do Festival Pórtico do Paraíso


Presentación 