PRESENTACIÓN
Saúdo do Alcalde

Afeitos como estamos en Ourense á música de calidade, resulta difícil superar certos listóns. Porén, temos a sorte de contar un ano máis ­-e xa van doce- co Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso. Un tránsito cara á primavera cunha fórmula que nos convoca no contraste de espazos que zumegan arte e historia cos referentes do panorama vocal internacional.

Do 15 ao 24 de marzo, sete concertos noutros tantos enclaves da xeografía ourensá. E para comezar a programación, de entre todos eles o meu favorito: a Catedral, templo románico tardío ao redor do que latexa a nosa cidade desde o século XIII, e que agocha marabillas artísticas como o propio Pórtico do Paraíso. Será o grupo vocal italiano Odhecaton, baixo a dirección de Paolo Da Col, o encargado de regalarnos momentos inesquecibles, e que sen dúbida merecen ser gozados nese marco incomparable de pedra e historia.

Na nómina de grupos deste XII Pórtico do Paraíso tamén están os suízos La Lyra e Pino De Vittorio ou o dúo galego de percusión Mbira-Duo, que farán vibrar as paredes da igrexa de Santa María Nai, ou o quinteto inglés Apollo5, que fará o propio nesa marabilla arquitectónica que é a igrexa de Santiago das Caldas. Propostas de excelente nivel musical ás que debemos engadir o cuarteto de clarinetes Vienna Clarinet Connection, que pechará o ciclo no Teatro Principal.

Non quero esquecer a maxia de descubrir outros lugares da nosa provincia, como o Mosteiro de San Clodio, en Leiro, ou a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, que parece que foron ideados tantos anos atrás á espera de experiencias coma esta.

A fórmula, insisto, semella insuperable. Se cadra só ata que chegue a décimo terceira edición. Pero iso xa será… para o ano que vén.

 

Jesús Vázquez Abad

ALCALDE DE OURENSE