Tras a axitada edición anterior, tanto na parte da produción como na artística, impúñase unha volta á esencia do Festival. A escolla dun grupo vocal da sona de Odhecaton cun programa con tal evidente contraste entre música sacra contemporánea e a do renacentista tardío Carlo Gesualdo, representa de maneira fidedigna esa arela. Por outra parte, e complementando isto, non estaba de máis reafirmar o noso carácter ecléctico, en que, a pesar de certa querenza polo repertorio antigo, todos os períodos musicais e todo tipo de formacións vocais e/ou instrumentais son benvidas.
Os programas dos sorprendentes percusionistas de Mbira-duo, do fantástico grupo vocal Apollo5 ou dos espectaculares Vienna Clarinet Connection subliñan precisamente esa liña. Bach, nun programa de música do século XXI, no primeiro caso; os Beatles e Paul Simon, noutro, en que aparece o Renacemento e o Barroco no segundo; ou temas da tradición oriental e bandas sonoras de películas de James Bond xunto a Schubert no terceiro, dan unha idea certa do que falamos.
E, alén disto, a música antiga amósase con rotundidade tanto na cidade con La Lyra e o renomeado e carismático tenor Pino De Vittorio coa colorida proposta dedicada ao renacentista Giacomo Gorzanis, coma na provincia, cos experimentados Músicos de Urueña e a súa orixinal mostra de músicas de tres culturas dedicadas ao viño. Que mellor lugar para este concerto que a igrexa do mosteiro de San Clodio, en pleno Ribeiro. Por último, as respectadísimas La Reverdie tráennos, á igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, un programa que amosa a figura feminina no sentimento relixioso da Idade Media. Ambas as igrexas se incorporan como novidade este ano.
Un Festival con máis música contemporánea da habitual, con pinceladas de étnica, pop, musicais…e, como é norma, con intérpretes dunha categoría internacional fóra de toda dúbida. Para gozarmos!
Juan Enrique Miguéns
Director artístico do Festival Pórtico do Paraíso