PRESENTACIÓN
Saúdo do Presidente da Deputación

O día 15 de marzo bota a andar unha nova edición do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, un festival que fai este ano a súa décimo segunda edición e, polo tanto, podemos consideralo plenamente consolidado no noso calendario cultural, ao mesmo tempo que vén demostrando, ano tras ano, o acerto na súa programación, ao acadar altas cotas de valoración entre os seus moitos seguidores.

Grazas ao destacado nivel dos diferentes concertos que se programaron, Ourense converterase, entre os días 15 e 24 de marzo, nunha referencia cultural no territorio galego, xa que o carácter internacional deste festival propicia que ata aquí cheguen agrupacións que veñen dende Italia, Suíza, Austria ou Reino Unido, ademais da representación española e galega tamén presentes nesta edición de 2019.

A incorporación da Deputación de Ourense como coorganizador deste festival propicia que este se abra ao resto da provincia, polo que se poderá gozar desta actividade en dous dos seus lugares emblemáticos, como son as igrexas do mosteiro de San Clodio, en Leiro, e a de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz. Estes dous lugares, debido ao seu alto valor patrimonial, achéganlle un atractivo singular ao propio festival.

Para a Deputación de Ourense, é unha aposta decidida e unha cuestión estratéxica impulsar a oferta cultural en todo o noso territorio, propiciando oportunidades de goce desta a toda a veciñanza espallada ao longo de toda a provincia; por iso, actividades como a do Festival Pórtico do Paraíso cumpren sobradamente con este compromiso.

Só me queda pedirlles aos amantes da música que gocen do que, con tanta profesionalidade, se programou para esta edición do Festival Internacional de Música de Ourense, agradecendo a implicación do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia a través da AGADIC e da Asociación Pórtico Musical que, como colaboradores, se merecen a miña felicitación.

Manuel Baltar

PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE