CATEDRAL DE SAN MARTÍÑO

Aínda que hai discrepancias sobre a data de inicio das obras de construción, é seguro que o altar maior foi consagrado no 1188, como consta no documento que, xunto coas reliquias de San Martiño, traídas desde Tours, foi gardado nunha das cinco columnas que lle servía de soporte. Parecen suscitar menos polémica as datas do seu remate (1218-48). Malia que ten base románica, a catedral medra coa historia e ao ritmo da cidade que a alberga, e chega a ter ata catro consagracións, a última en 1966.

Hai tres espazos que non deben pasar inadvertidos para o visitante: a capela do Santo Cristo, construída entre os séculos XVI e XVIII, na que destaca o baldaquino que acolle a figura do Crucifixo. é esta unha imaxe gótica que, segundo a tradición, é unha das copias que Nicodemo fixo de Xesús morto cando o baixou da cruz. A capela é coma un xoieiro, recuberta de madeira policromada con ornamentación vexetal,columnas salomónicas e relevos da Paixón.

O Pórtico do Paraíso merece tamén especial atención por ser unha das obras máis fermosas da catedral. Da primeira metade do século XIII, foi comparado, con desvantaxe para el, co de Compostela. Para algúns ten valores propios de idealización e serenidade na tradición gótica de obras francesas e burgalesas. é a transcrición en pedra do bíblico Xuízo Final, explicado dun xeito moi minucioso.

O retablo do altar maior é do século XVI, de Cornielis de Holanda, decorado con escenas da vida de Xesús, a Virxe e San Martiño. Destacan as 36 figuras de pequena talla colocadas entre as columnas. Están pintadas de branco e representan santos e personaxes do Antigo Testamento ataviados e cubertos seguindo a moda flamenga do 1500.

SANTA EUFEMIA

Cando os xesuítas chegaron a Ourense, construíron a súa igrexa onde antes estivera o barrio xudeu, na antiga rúa Nova, hoxe Lamas Carvajal. No ano 1653, cando se inaugura, aínda sen cubrir o cruceiro e o presbiterio, colócase un altar maior improvisado coas imaxes da Inmaculada e Santo Ignacio. O actual, de estilo rococó, foi instalado no século XIX; procede da igrexa de San Francisco e ten no centro a imaxe do Cristo da Esperanza de 1753, obra dun escultor ourensán.

Durante o reinado de Carlos III os xesuítas foron expulsados de España e vanse de Ourense no 1767. Como a igrexa, mesmo sen rematar, era grande dabondo e para que non se notase a ausencia na cidade da Compañía de Xesús, trasladouse a ela, desde a catedral, a parroquia de Santa Eufemia.

O máis destacado da igrexa é a teatral fachada barroca proxectada e realizada en 1770 polo monxe beneditino do mosteiro de Celanova, frei Plácido Iglesias, que constrasta co interior do templo dun acusado clasicismo. Ten unha parte central cóncava que une os dous macizos corpos laterais feitos para soster dúas torres, que non se realizaron no seu momento. Chea de movimento, destacan nela a gran ventá, con marco labrado a maneira de espello, e a decoración vexetal, que é de placas, tan típica do barroco galego.

TEATRO PRINCIPAL

Santiago Sáez Pastor decidiu construír na década de 1830 o Teatro Principal, na rúa da Paz, antiga rúa dos Zapateiros. Ao parecer, foi unha especie de vinganza porque venderon o palco que el tiña reservado, nun día de función, no vello teatro.

Levantou o novo no lugar onde tiña a súa vivenda e o seu negocio, un banco. O edificio foi un pequeno teatro “á italiana”, é dicir, cun patio de butacas e palco na planta baixa, tres pisos de palcos e escenario. O teito con decoración vexetal e xeométrica. A parte que daba á rúa tiña planta baixa, que era o vestíbulo do teatro, e catro alturas que se destinaban a vivendas.

Foi, durante bastantes anos, o único teatro público da cidade e o lugar de ocio máis selecto. Era o centro da vida social e cultural e nel houbo concertos, zarzuelas, obras teatrais, bailes, mitins,Â…O poeta Zorrilla leu os seus versos no Principal, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán participaron nun concurso literario e personaxes como Calvo Sotelo ou Gil Robles organizaron nel importantes actos políticos.

No 1912 o cine chega a Ourense e o Teatro Principal, tres anos despois, proxecta a súaprimeira película, Viva el Rey, nunha sala remodelada e adaptada ás novas necesidades. Na transición pechouse e estivo a piques de desaparecer. “Trátase de salvar o Principal” foi a consigna dun grupo encabezado por artistas, profesores, arquitectos e xente da vida pública ourensá, que logrou que a remodelación comezara a principios dos anos 80. O Teatro Principal reinaugurouse en 1992.

 

SANTIAGO DAS CALDAS

As Caldas foi un dos asentamentos que, na época romana, prosperaron no contorno do poboado de agricultores que daquela era a cidade de Ourense.

Consta a existencia dunha capela mozárabe chamada Santa Catarina de Reza Vella, na Alta Idade Media, e tense coñecemento da formación, cara aos séculos XI-XII, dunha parroquia da que aparecerán datos ata o ano 1639.

A parroquia das Caldas tiña un templo románico do século XVI que, xunto coa reitoral, atopábase moi preto do actual cemiterio das Caldas, nas ribeiras do Miño. Aínda que se reformaron no século XVII pronto quedaron pequenos para atender as necesidades da poboación e xa, a finais do século XIX, estaban en estado ruinoso.

No ano 1905, o bispo Eustaquio Llundain y Esteban encárgalle a José María Basterra, arquitecto da diocese de Bilbao, a construción do novo templo parroquial. O 30 de xullo de 1910 colócase a primeira pedra na Avenida das Caldas.

O edificio levantouse segundo o gusto historicista da época. O gótico e a súa lixeireza e luminosidade foi o seu modelo. Os elementos estruturais básicos son o arco apuntado, a bóveda de crucería e os arcobotantes, que lle dan a esta igrexa a imaxe característica exterior.

A fachada presenta unha soa torre central, típico esquema das igrexas construídas por Basterra.

En 1919 encárgase a Maximino Magariños, imaxineiro relixioso compostelán, o retablo. Ten estrutura de portada gótica con policromía dourada na que todo é filigrana oxival e adáptase perfectamente ao estilo do templo. Os relevos das rúas laterais representan escenas da vida do patrón da igrexa: Santiago Apóstolo. Na parte baixa, un Crucifixo do Cristo do Perdón; no piso superior, unha escultura de gran tamaño en madeira do Apóstolo.

© 2012 Pórtico do Paraíso - Todos os dereitos reservados - Acceso privado
diseño y programacion: ACV Galaica