SALAS
Catedral de San Martiño

Catedral-de-San-Martino

Aínda que hai discrepancias sobre a data de inicio das obras de construción, é seguro que o altar maior foi consagrado no 1188, como consta no documento que, xunto coas reliquias de San Martiño, traídas desde Tours, foi gardado nunha das cinco columnas que lle servía de soporte. Parecen suscitar menos polémica as datas do seu remate (1218-48). Malia que ten base románica, a catedral medra coa historia e ao ritmo da cidade que a alberga, e chega a ter ata catro consagracións, a última en 1966.

Hai tres espazos que non deben pasar inadvertidos para o visitante: a capela do Santo Cristo, construída entre os séculos XVI e XVIII, na que destaca o baldaquino que acolle a figura do Crucifixo. é esta unha imaxe gótica que, segundo a tradición, é unha das copias que Nicodemo fixo de Xesús morto cando o baixou da cruz. A capela é coma un xoieiro, recuberta de madeira policromada con ornamentación vexetal, columnas salomónicas e relevos da Paixón.

O Pórtico do Paraíso merece tamén especial atención por ser unha das obras máis fermosas da catedral. Da primeira metade do século XIII, foi comparado, con desvantaxe para el, co de Compostela. Para algúns ten valores propios de idealización e serenidade na tradición gótica de obras francesas e burgalesas. é a transcrición en pedra do bíblico Xuízo Final, explicado dun xeito moi minucioso.

O retablo do altar maior é do século XVI, de Cornielis de Holanda, decorado con escenas da vida de Xesús, a Virxe e San Martiño. Destacan as 36 figuras de pequena talla colocadas entre as columnas. Están pintadas de branco e representan santos e personaxes do Antigo Testamento ataviados e cubertos seguindo a moda flamenga do 1500.

Igrexa de Santa María Nai

Igrexa-de-Santa-Maria-Nai

No lugar no que agora se ergue esta igrexa do século XVIII, existiu, segundo se di, un templo construído polos suevos convertidos ao cristianismo despois de que San Martiño de Tours obrase o milagre de curar o fillo do rei Carriarico, que, ao parecer, tivo corte en Ourense. O primitivo edificio, que era por entón a catedral da cidade, foi arrasado nas sucesivas incursións normandas e árabes e reconstruíuse no ano 1084, como reza na inscrición que se conservou na porta norte. Cando se fixo a nova catedral no século XII, a igrexa quedou reducida a capela funeraria e en 1722 foi derrubada porque ameazaba ruína.

O templo actual benefíciase da perspectiva que lle dá a escalinata que sae da Praza Maior. Acaroado polo sur ao antigo pazo episcopal e polo norte á bela Praciña da Madalena, álzase coa súa planta dunha soa nave e transepto, sobre o que se ergue unha cúpula. A fachada barroca de tres corpos acolle catro dobres columnas que se cre pertenceron á antiga edificación sueva.

A titular da igrexa é Santa María que ten unha representación no centro do retablo do altar maior. A imaxe sedente de factura barroca retrátaa como unha señora ricamente adornada co Neno no colo.

O día de Pascua é levada en procesión ata a capela do Santo Cristo da catedral.

  • Praza Maior s/n 32005  Ourense
Teatro Principal

teatro-principal

Santiago Sáez Pastor decidiu construír na década de 1830 o Teatro Principal, na rúa da Paz, antiga rúa dos Zapateiros. Ao parecer, foi unha especie de vinganza porque venderon o palco que el tiña reservado, nun día de función, no vello teatro.

Levantou o novo no lugar onde tiña a súa vivenda e o seu negocio, un banco. O edificio foi un pequeno teatro “á italiana”, é dicir, cun patio de butacas e palco na planta baixa, tres pisos de palcos e escenario. O teito con decoración vexetal e xeométrica. A parte que daba á rúa tiña planta baixa, que era o vestíbulo do teatro, e catro alturas que se destinaban a vivendas.

Foi, durante bastantes anos, o único teatro público da cidade e o lugar de ocio máis selecto. Era o centro da vida social e cultural e nel houbo concertos, zarzuelas, obras teatrais, bailes, mitins,…O poeta Zorrilla leu os seus versos no Principal, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán participaron nun concurso literario e personaxes

como Calvo Sotelo ou Gil Robles organizaron nel importantes actos políticos.

No 1912 o cine chega a Ourense e o Teatro Principal, tres anos despois, proxecta a súa primeira película, Viva el Rey, nunha sala remodelada e adaptada ás novas necesidades. Na transición pechouse e estivo a piques de desaparecer. “Trátase de salvar o Principal” foi a consigna dun grupo encabezado por artistas, profesores, arquitectos e xente da vida pública ourensá, que logrou que a remodelación comezara a principios dos anos 80. O Teatro Principal reinaugurouse en 1992.

Museo Arqueolóxico Provincial

Museo-Arqueoloxico-Provincial

Algúns autores como Ferro Couselo afirman que no soar que agora ocupa o Museo Arqueolóxico, durante séculos coñecido como “pazo, torres e curral do bispo”, existía xa en época romana un praetorium e que foi desde sempre o centro do poder na primitiva cidade de Ourense. Con todo, baseándonos só nos restos atopados e debido á reutilización dos elementos construtivos e ás sucesivas remodelacións, non se pode determinar con certeza a función e o carácter do edificio que aquí había.

É da época xermánica posterior unha cimentación que apareceu na praza da Madalena e que podería cadrar cunha construción posiblemente fortaleza ou sede episcopal no tempo en que os reis suevos converteron Ourense ao cristianismo.

O papel central que vai ter na trama urbana adivíñase xa no século XI. Cando a cidade non contaba cunhas eficaces murallas de defensa, o pazo converteuse nunha fiable fortaleza. Durante os seguintes anos, e desde que en 1122 o bispo pasa a ocupar o señorío da cidade, o edificio chega a ter ata seis torres defensivas e un curral de patios

e campos interiores. Xa cun poder simbólico e real convértese nun importante eixe no límite xusto entre a antiga poboación romana ao sur e a cidade medieval que medraba cara ao norte.

As revoltas Irmandiñas do século XV botaron abaixo as torres que daban sobre a rúa da Barreira e o pobo ocupou para uso comercial o espazo do curral que quedou como territorio aberto. Durante todo o século XVI empeza a minguar o dominio do bispo en favor da autoridade civil, e no ano 1628 renuncia ao señorío sobre Ourense.

A reforma barroca do XVIII suprime o aspecto defensivo do edificio para convertelo nunha construción aberta e cun carácter palaciano. Na fachada que dá á Praza Maior, un balcón sobre ménsulas enriba dun monumental escudo episcopal historiado substitúe as antigas arcadas.

O edificio do pazo adquírese para Museo Arqueolóxico no ano 1951 e no ano 2002 pecha as portas para unha remodelación que continúa 13 anos despois.

San Pedro de Rocas

San-Pedro-de-Rocas

Moi posiblemente o mosteiro de San Pedro de Rocas existise xa como asentamento dalgún tipo de vida eremítica desde finais do século IV. O ano 573 é o que aparece, con todo, na lápida que algúns consideran a carta fundacional do mosteiro e que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense. A data e o texto da estela dan testemuño da existencia dun primitivo cenobio de carácter talvez familiar que, aínda sen intención construtiva articulada, contaba cunha serie de covas naturais a modo de celas para o illamento dos eremitas e organizaba a vida ao redor dun espazo empregado para diferentes actividades comunitarias. Estivo ocupado con regularidade ata o século VIII cando, coincidindo coas incursións árabes en terras galegas, foi abandonado.

Abandonado e en ruínas topou con el, durante unha cacería, o cabaleiro Xemunde quen iniciará a recuperación da actividade conventual. Baixo a protección do rei Afonso III, a partir do ano 900, comeza unha nova etapa que vivirá o máximo esplendor no século XII coincidindo coa dinamización monacal da Ribeira Sacra.

A primitiva construción adaptarase á nova vida monástica regular que se está a desenvolver. A igrexa, único exemplo de edificación rupestre que existe en Galicia, consta de tres naves cubertas con bóvedas de canón que rematan en tres ábsidas semicirculares. Un lucernario, aberto no segundo tramo da nave central, ilumina cenitalmente o recinto. Para cubrir as necesidades de espazo do mosteiro constrúese no século XIII, diante da fachada románica, unha nave transversal que presenta o chan cuberto de sepulcros antropomorfos escavados na rocha.

Destaca, no exterior, a espadana de finais do XV que se ergue sobre unha pedra de 14 metros de altura aberta cun gran arco que dá acceso ao antigo cemiterio. O claustro do mosteiro foi destruído, de certo, no incendio do ano 1640 e nesa mesma época alzouse o novo e sobrio priorado de planta rectangular que, despois da exclaustración do XIX, converterase en casa parroquial.

Mosteiro San Salvador

Mosteiro-San-Salvador

O mosteiro de Celanova, coñecido popularmente como Mosteiro de San Rosendo, aínda que a súa advocación orixinal é a de San Salvador, é o resultado da evolución histórica e arquitectónica que experimentou o edificio. Eixe da vida comercial e social da comarca, centro da cultura e dos servizos sociais no pasado, na súa fábrica rexístranse as épocas de maior esplendor da súa historia.

O ora et labora, que condensa a regra beneditina, tradúcese na súa arquitectura. O ora no templo, dedicado actualmente a igrexa parroquial, así como no claustro regular ou procesional, tamén coñecido como claustro barroco.

O labora no outro claustro, o do Poleiro, e nas dependencias que se agrupan alrededor dos dous, onde se sitúan a botica, a biblioteca, as cociñas (con patio de servizo) e os cuartos.

A IGREXA

Arquitectonicamente, a igrexa é unha construción de planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha e unha transversal para formar o cruceiro. Foi levantada no século XVII sobre outra anterior probablemente de estilo románico.

A fachada, solemne e repousada, foi a primeira gran realización arquitectónica coa que se levou a cabo a transformación da igrexa románica nun suntuoso templo clasicista e barroco. Nela destacan as imaxes de San Bieito (centro), San Rosendo (dereita) e o que fora bispo de Guadix, San Torcuato (esquerda), así como o escudo abacial baixo unha espectacular coroa baleirada presidindo o edificio.

A dirección da obra da igrexa e a súa traza son de Melchor de Velasco, arquitecto clasicista co que colaboran outros monxes arquitectos. A monumental cúpula, obra de Pedro de Monteagudo, está decorada con sartas de froitas, escudos nas pendentes e pinturas de carácter haxiográfico. No interior destacan o Retablo Maior, de Francisco de Castro Canseco, o Coro Alto (século XVI) e o Coro Baixo, cunhas monumentais portas do século XVIII, o órgano (século XVIII) e a sancristía, que contén cadros de Gregorio Ferro (1742-1812), pintor galego de recoñecida sona que chegou a competir con Velázquez por un posto na Corte.