VIENNA CLARINET CONNECTION
Domingo día 24 - TEATRO PRINCIPAL - 19:00 h
BIOGRAFÍA

“Un cuarteto que traspasa as fronteiras estilísticas dos xéneros musicais. Catro solistas e unha soa voz cunha calidade excepcional”, así definiu unha vez un crítico musical o son de Vienna Clarinet Connection. Gran virtuosismo, creatividade e alegría de vivir son os sinais de identidade deste cuarteto que forman dous clarinetes, un corno di bassetto e un clarinete baixo.

Viena Clarinet Connection formouse en 1995 con catro clarinetistas solistas de dúas das máis prestixiosas óperas de Viena, a Staatsoper Wien e a Volksoper Wien. O seu repertorio vai desde Mozart ata os nosos días e inclúe o jazz e a música étnica. Extremadamente innovadores, sempre están a buscar novas obras e a ampliar o repertorio con obras de seu e arranxos que eles mesmos fan.

Os catro actúan regularmente por todo o mundo e teñen unha traxectoria excepcional no campo do clarinete.

Helmut Hold (clarinete). Clarinete solista da Volksoper Wien desde 1993, catedrático do Conservatorio Joseph Haydn Eisenstadt, compositor de música de cámara e orquestral e produtor musical.

Rupert Frankhauser (clarinete). Bolseiro pola Fundación Herbert von Karajan de Berlín, catedrático da Universidade de Viena e clarinete solista da Staatsoper de Klagenfurt. Desde 2012 é tamén clarinete solista do Nikolaus Harnoncourt’s Concentus Musicus Vienna.

Hubert Salmhofer (corno di bassetto). Membro dos ensembles Quintessens, Trio Gemarch e Austrian Art Ensemble, compositor e arranxador de música de cámara e bandas sonoras, ademais de catedrático do Conservatorio de Klagenfurt.

Wolfgang Kornberger (clarinete baixo). Compositor e arranxador, é membro das principais orquestras de Viena e solicitadísimo por orquestras e conxuntos de cámara de todo o mundo, cos que realizou numerosas actuacións por toda Europa e Xapón.