Obras de Haendel, Scarlatti, Albéniz, Granados, Piazzolla e Rodrigo
Considerados polo Daily Telegraph “ o mellor dúo de guitarra clásica que se coñece”, Peter e Zoltan Katona traspasaron os límites da música clásica e achegáronse sen esforzo a estilos máis populares. Ofreceron concertos nas salas máis prestixiosas do mundo, como o Carnegie Hall de Nova York, Wigmore Hall de Londres, Concertgebouw de Amsterdam, Konzerthaus de Viena, Tchaikovsky Concert Hall de Moscova, Suntory Hall de Toquio ou a Philharmonie de Berlín. En 2009, como solistas da “Night of the Proms”, tocaron ante medio millón de persoas por toda Europa con artistas como Yo-Yo Ma e Kathryn Stott e tamén coa BBC Concert Orchestra e a London Sinfonietta.
Os Katona gañaron numerosos premios. En 1993 acadaron o primeiro premio en Montelimar (Francia) e Bubenreuth (Alemaña) e outorgóuselle o Premio á Cultura da cidade de Kassel (Alemaña). En 1995 gañaron o S.T. Johnson Foundation Prize (Inglaterra), en 1996 o Laura Ashley Prize (Inglaterra) e en 1997 o Young Concert Artist Trust de Londres.
En 1998 lograron o Concert Artists Guild Competition de Nova York, feito que deu pulo a unha serie de concertos polos Estados Unidos, incluíndo o debut no Carnegie Hall. En 2004 acadaron o premio da Fundación Borletti-Buitoni, fito que os converteu nos primeiros guitarristas en conquistalo na historia da fundación.
O seu amplo repertorio abrangue desde Bach e Mozart a Piazzolla e aos arranxos de seu de clásicos do pop. Nos programas tamén inclúen concertos para dúas guitarras e orquestra como os de Rodrigo, Vivaldi, Piazzolla e Tedesco. Varios compositores escribiron para eles e dedicáronlles obras.
A BBC e outras canles internacionais de televisión e radio convidáronnos a gravar en numerosas ocasións. Os CD inclúen obras de Scarlatti, Haendel, Rodrigo, Albéniz, Piazzolla, Manuel de Falla, Mozart e Bach.
Peter e Zoltan estudaron en Budapest, Frankfurt e na Royal Academy of Music de Londres, con mestres do talle de Julian Bream e John Williams. Oriúndos de Hungría, teñen nacionalidade alemá e actualmente residen en Liverpool (Inglaterra).