A valentía dos innovadores proxectos e a forte personalidade artística do director converteron a Accademia del Piacere no grupo de vangarda da música antiga española e nun dos punteiros en Europa, grazas á concepción da música histórica como algo vivo, cheo de emocións que os músicos interiorizan como propias e transmiten ao espectador.
Nas gravacións para Alqhai & Alqhai e Glossa, Accademia del Piacere revelou novos matices en repertorios fundamentais da música histórica como o Seicento italiano, a música española do Renacemento (Rediscovering Spain) ou a escénica do Barroco hispano (Cantar de Amor, dedicado a Juan Hidalgo), e recibiu por iso recoñecementos como o Choc de Classica (Francia) ou o Prelude Award (Holanda). Accademia e Alqhai sorprenden ademais visitando territorios artísticos alleos ao historicismo, como en Las idas y las vueltas, xunto ao cantaor flamenco Arcángel, Giraldillo á mellor música da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012.