Brigitte Lesne é toda unha lenda da música antiga, á que lle dedicou toda a vida. É unha das maiores especialistas en música medieval do mundo e toda unha referencia na súa interpretación.
Brigitte ofrece recitais en solitario ou formando dúos ou tríos nos que, ademais de cantar, toca a arpa e fai percusións. Tamén canta no seu grupo de voces femininas Discantus, dedicado á interpretación de música sacra vocal máis temperá e que ela mesma fundou a principios dos anos 90.
Xunto ao frautista Pierre Hamon, colabora e dirixe Alla Francesca, grupo vocal e instrumental consagrado á interpretación do repertorio profano anterior ao século XV. Tamén elabora programas de música tradicional sefardí e, ás veces, con obras contemporáneas que varios compositores escribiron para ela.
Habitualmente dá clases e cursos en distintos conservatorios e universidades europeos aos que é convidada como artista residente, aínda que desenvolve o seu labor docente fundamentalmente no Centre de Musique Médiévale de Paris.
Brigitte Lesne ofreceu recitais nos máis grandes festivais europeos e en salas de todo o mundo, desde Nova Zelandia ou Australia ata o Líbano ou Marrocos pasando por Rusia, Brasil, Colombia, México, Estados Unidos e Canadá.
A súa discografía é enorme, con máis de 30 CD editados que son referentes na interpretación da música medieval.