Formado no Early Music Centre de Gran Bretaña en 1988, The Orlando Consort é actualmente un dos conxuntos vocais máis importantes de Europa. O seu traballo combina á perfección a seriedade e rigorosidade dos programas coa frescura das interpretacións, que cativan o público inmediatamente. As imaxinativas e orixinais propostas unidas á mestría vocal fixeron que sexan unha referencia mundial neste campo.
A impresionante discografía para as casas discográficas Saydisc, Metronome, Linn, Deutsche Grammophon e Armonía Mundi USA inclúe unha colección de obras de John Dunstaple e o CD The Call of the Phoenix, que foron considerados pola revista Gramophone CD do ano en 1996 e 2003, respectivamente. As gravacións de música de Compère, Machaut, Ockeghem, Josquin, Popes and Anti-Popes, Saracen and Dove e Passion tamén estiveron entre as candidatas a gañalo no pasado. O CD do ano 2008 Messe de Notre Dame de Machaut e o titulado Scattered Rhymes do compositor británico Tarik O’Regan co Estonian Philharmonic Chamber Choir, foi tamén candidato aos premios BBC Music Magazine. Ultimamente están involucrados nun gran proxecto: gravar todas as cancións polifónicas de Guillaume de Machaut para Hyperion Records. O primeiro CD desta serie foi incluído polo New York Times na relación dos Top 10 da música clásica de 2013.